FSC-CCOO Medios de Comunicación, Artes, Cultura, Ocio y Deporte | 21 noviembre 2024.

Manifestación pola dignidade dos medios públicos de comunicación o vindeiro 8 de setembro en Compostela

    É a primeira vez que os comités de empresa da CRTVG e de CRTVE-Galicia unen as súas forzas e convocan unha acción de protesta conxunta

    31/08/2018.

    O Comité Intercentros da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) e o Comité de empresa da Corporación de Radio e Televisión Española en Galicia (CRTVE-Galicia) chaman a todos os traballadores e traballadoras de ambas as dúas empresas e a sociedade galega no seu conxunto a participar na manifestación que convocan para o vindeiro sábado 8 de setembro en Compostela pola dignidade dos medios públicos de comunicación.
     
    A manifestación consiste nunha marcha que sairá ás 10:30 das instalacións da CRTVG en San Marcos,  pasará inmediatamente despois pola sede que CRTVE ten tamén en San Marcos, e rematará na compostelá Praza das Praterías por volta das 12:30. O percorrido ata chegar á cidade coincide co último treito do Camiño de Santiago.
     
    Unha vez na emblemática Praza das Praterías, procederase á lectura dun manifesto común das dúas empresas públicas que recolle os motivos da manifestación e as demandas que pretenden facer públicas as e os representantes do persoal da CRTVG e de CRTVE. A música de Uxía, Guadi Galego e Xabier Díaz acompañará o acto reivindicativo.
     
    É a primeira vez que os comités de empresa dos dous entes públicos de comunicación unen as súas forzas nunha acción de protesta deste calibre. Nace despois de que o persoal puxera en marcha -primeiro en CRTVE e despois na CRTVG-  os denominados "Venres Negros", mobilizacións que secundan cada venres os traballadores e traballadoras do centro territorial da CRTVE en Galicia e o persoal da CRTVG en sinal de protesta pola situación que atravesan.